• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

FRENCH RIVIERA: UNHA MESTURA DE SYNTHWAVE, SYNTHPOP E FUNK CON TOQUES DE MÚSICA ELECTRÓNICA MODERNA»

FRENCH RIVIERA: UNHA MESTURA DE SYNTHWAVE, SYNTHPOP E FUNK CON TOQUES DE MÚSICA ELECTRÓNICA MODERNA»
15 NOVEMBRO 2021

Saxofonista e teclista, coñecemos a David Fermoselle como parte da banda galega de synthpop Belöp. Agora, o músico e compositor redondelán presenta French Riviera o seu novo proxecto en solitario que el mesmo define como unha «viaxe á música dos oitenta a través dos sintetizadores, con influencias pop e electrónica».

Logo do lanzamento dun par de sinxelos, a terceira parada desta viaxe sonora é o seu álbum debut, Weekend in Montecarlo (2021), dispoñible desde o pasado mes de setembro. Composto por nove cortes, o disco é o resultado de Fermoselle deixándose levar por influencias oitenteiras, procurando sons que evoquen esa época dourada da música disco, aínda que incluíndo ecos máis modernos, como sons de caixas de ritmos máis propias do deep house ou electrofunk.

 

 

 

En grupo e en solitario, como saxofonista e como teclista... a formación cambia e os instrumentos intercámbianse, pero David Fermoselle é sempre recoñecible. Como te inicias no mundo da música? Lembras o teu primeiro contacto cun instrumento?

French Riviera: «Claro que me acordo! Empecei co saxo alto cando entrei no conservatorio e diso xa fai un feixe de anos; logo o deixei para dedicarme ao balonmán e máis adiante volvín darlle duro á música».

 

Coñecémoste primeiro como parte de Belöp, banda galega xa desaparecida, pero que durante a súa carreira gañou varios concursos e subiuse ao escenario de importantes festivais estatais (FIB, Arenal Sound). Como recordas a experiencia?

French Riviera: «Pois foi unha etapa moi bonita e, ademais, con varios dos meus mellores amigos. O bo non é só que tocaramos neses festivais, é que repetimos varias veces nalgúns deles; era cojonudo tocar en escenarios top para moita xente, dándoo todo e sempre de risas».

 

 

Que che empurra a embarcarte nesta aventura musical en solitario? Como nace French Riviera?

French Riviera: «Pois é simple! As ganas de seguir a facer música e de dar concertos. Sempre repito que o que máis me gusta nesta vida é a música e o deporte, pois porque deixar de facelo, non?».

 

Do synthpop de Belöp ao techno retro de French Riviera. Pensas que queda algo do teu anterior proxecto neste?

French Riviera: «Por suposto que queda algo de Belöp, iso sempre queda aí á hora de compoñer ou de montar os directos. Ademais, non deixou de ser o meu primeiro contacto cos escenarios de toda a península».

 

 

 

Preséntaste como «unha viaxe á música dos oitenta». Como describirías esa viaxe, como definirías o teu estilo?

French Riviera: «Unha viaxe sempre é complicada porque ao final cada un o fai dunha maneira, pero quedaría totalmente correcto explicalo como unha viaxe a través dos sons e os ritmos típicos dos oitenta que te levan a esa época onde os sintetizadores eran o top do top, a novidade, ademais de que todo produtor e compositor os usaba para os seus hits. En definitiva, o meu estilo definiríao como unha mestura de synthwave, synthpop, e funk con toques de música electrónica moderna.

Ao final, se algo soa retro e me gusta, inclúoo no meu “lore”, pero mellor que a xente veña aos meus concertos e o comprobe (e o baile! [risos])».

 

Estréaste en solitario con Tribute Vol. 1 Jean-Michel Jarre & Vangelis (2018), unha homenaxe a eses dous compositores e intérpretes de música electrónica dos que, afirmas, son dúas das túas grandes referencias. Ata que punto che inflúen á hora de crear a túa música orixinal? Haberá vol. 2?

French Riviera: «Digamos que o sintetizador é o meu instrumento favorito xunto ao saxo, e calquera que grave ou toque ao vivo con sintetizadores ten, de xeito voluntario ou involuntario, a influencia destes dous mestres dos sintetizadores.

Para min xa influíron á hora de mercar o meu primeiro sintetizador, polo que ao acender os meus cacharros xa me están a repercutir, máis cando compoño. E si, de seguro haberá vol. 2, pero probablemente será unha homenaxe aos videoxogos, cunha pequena remasterización dalgúns dos vídeos que subo a YouTube».

 

 

Ao fío, ademais de Jean-Michel Jarre e Vangelis, a quen máis admiras, musicalmente falando?

French Riviera: «Uf, pois unha chea deles! Sempre terei que nomear primeiro a Béla Fleck & The Flecktones, pois foi o grupo que me meteu o gusanillo por darlle duro á música. Pero se teño que nomear a algúns artistas sen encher cinco follas de nomes (aínda que algúns xa desapareceron!) pois me quedaría con Weather Report, Liquid Soul —a banda de jazz funk, non o DJ, que se chaman igual— Donny Benét, The Midnight, Steps Ahead, Tina Turner, Chromeo, Nile Rodgers, Miami Horror, Haim, Maceo Parker, Diana Ross...».

 

Séguenlle un par de singles, Venusberg (2020) e Dancing (2021), por que decidiches esta «estratexia» de publicación, de lanzar sinxelos independentes, en vez de agardar e lanzar adiantos do novo disco?

French Riviera: «A verdade non foi ningunha estratexia... quería sacar xa algún tema dos que tiña feito e escollín eses dous. Se non fose pola pandemia seguramente lanzaría antes os singles e tamén o disco, pero éche o que hai!».

 

 

O pasado mes de setembro lanzabas o teu primeiro álbum, Weekend in Montecarlo (2021), composto, gravado, producido e mesturado por ti mesmo. Como foi o desenvolvemento do disco, visto que fuches responsable de todas as fases, desde o principio ata o final?

French Riviera: «Foi bastante divertido e formativo, xa que aprendín moito sobre todo no tema da mestura; vin bastantes vídeos de YouTube e pedinlle consello a outros colegas con máis coñecemento do tema que eu.

A verdade é que, á hora de comezar un tema, o único que fago é [deixarme] levar polas influencias que teño dos oitenta e intento que soe a esa década, procurando sons que a evoquen; se ademais teñen un toque charramangueiro, mellor que mellor. Aínda que tampouco deixo atrás toques máis modernos, por exemplo os sons de caixas de ritmos máis actuais como as que se usan no deep house e no electrofunk».

 

 

Que instrumentos adoitas utilizar no proceso creativo? É o mesmo set que usas ao vivo ou varía?

French Riviera: «Principalmente só uso sintetizadores hardware, como usei na homenaxe a Vangelis e Jarre, onde non toquei o ordenador para nada. Pero aquí utilicei fundamentalmente sintetizadores hardware e nalgún caso sintetizadores virtuais que tiñan sons específicos, caixas de ritmos con sons retros e o saxo alto, gravando todo nun DAW no computador.

En directo non levo todo o que teño porque quero conservar ás costas [risos]. En principio, ao vivo vou eu só e, por loxística, o que levo é un sintetizador, caixa de ritmos/secuenciador, keytar e voz. De todos xeitos, ás veces levo algún acompañante tocando o baixo ou a guitarra, e quen sabe se nun futuro tamén un batería, pero polo de agora os meus directos son one-man band!».

 

 

Todos os cortes que compoñen o LP son instrumentais agás “Voyage à Saint-Tropez” e “Feelings”. Como decides que un tema teña letra ou non? E por que esa tendencia a facelos instrumentais?

French Riviera: «Nun principio pensei en facer todos os temas instrumentais, porque quedaban ben no estilo, pero logo decidín meter algunha canción con voz para romper un pouco a dinámica. De todos xeitos, nos vindeiros lanzamentos o compoñente vocal vai ser máis importante».

 

Por certo, para “Voyage à Saint-Tropez”, contaches coa voz de Sarache; cantante, compositora e produtora madrileña coñecida pola súa mestura de estilos como o soul ou R&B con electrónica e sons urbanos coa que xa colaboraras en Dancing. Por que ela? Que procurabas con esta colaboración?

French Riviera: «Cando escoitei varias cancións dela pensei que a súa voz era ideal para certos temas que compuxera, e así foi; ademais, a relación con ela é súper boa, a colaboración foi moi fluída.

Por certo, a arte do single Dancing tamén foi feito por Sarache!».

 

 

O nome do proxecto, o título do disco e das cancións… Que ten a Costa Azul francesa para se converter na fonte da túa inspiración fronte o papel (ou o teclado)? É froito dunha experiencia persoal ou é talvez máis polo imaxinario que leva aparellado o lugar?

French Riviera: «Interesante pregunta! Ten que ver cunha etapa da miña vida en Francia, e foi unha zona que tamén puiden visitar (non por moito tempo) e que me deixou fascinado. Entón, cando pensei nun nome para este proxecto que molase e que soase charramangueiro e oitenteiro... pensei no que me gustou ese sitio. Côte d'Azur en inglés é French Riviera, soa charramangueiro, mola, pega coa música que me gusta, et voilà!».

 

E que teñen os oitenta para viaxar ata eles?

French Riviera: «Aínda que non os vivín, porque son dos noventa, sempre foi unha década que, sexa polo que sexa, me fascinou: o cine, a ambientación, o estilo, a música... Nunca podo dicir que non a unha tarde de pelis como Depredador (John McTiernan, 1987) ou Superdetective en Hollywood (Martin Brest, 1984) e logo unha boa sesión de Paul Hardcastle».

 

Falando diso, a túa paixón polos 80 semella ir alén da música e, desde hai un tempo, vés facendo covers de bandas sonoras de videoxogos oitenteiros (Street Fighter, The Ducktales) en versión synthwave. Como xorde esta idea?

French Riviera: «Xurdiu na corentena para non estar moi aburrido, e claro, foi fácil unir a paixón polos 80 coa paixón polos videoxogos. A verdade que teñen bastantes escoitas, sobre todo de EE.UU.!».

 

 

Falemos do futuro próximo, vimos de pasar o Weekend in Montecarlo, en que estás a traballar agora? Cal (e cando) será o vindeiro destino?

French Riviera: «Estou xa a traballar en novos temas para principios de 2022, con algunha que outra colaboración. O destino aínda non sei cal será, pero o estilo seguirá a ser retro e oitenteiro... quizais tirando máis ao posdisco».

 

Este pasado verán subiches a algún que outro escenario, pero agora que a música en directo está rozando xa á normalidade, sen restricións de aforo e de horario, que poderemos esperar dun concerto de French Riviera? Algunha vindeira data que nos poidas revelar?

French Riviera: «Agora mesmo estou a pechar concertos en Galicia e Portugal, e cando teña as datas definitivas ireinas anunciando, por suposto».

 

 

E como é o teu live set, todos eses aparellos dos que te rodeas en directo? Máis dixital que analóxico?

French Riviera: «Ao vivo nunca utilicei ordenador e neste caso non vai ser menos! Teño un set ben cuquiño que penso que queda xenial en directo e, como dixen, consta de sintetizador, caixa de ritmos/secuenciador, voz para algunhas cancións e keytar».

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendarías? Algún favorito que deberiamos coñecer?

French Riviera: «Pois galegos recomendaríavos os xa desaparecidos Presumido, cos que tiven o pracer de xirar na banda Villanueva. Tamén recomendo os ben coñecidos Baiuca e Ortiga, as cañeras Agoraphobia, a fermosa voz de Leticia Rey ou o produtor de electrónica 2Pasos».

 

Se abrísemos a túa conta persoal de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña.

French Riviera: «Non teño ningunha vergoña en dicir que o que teño na miña conta de Spotify é jazz fusión, electrónica, synthwave, música dos oitenta —canto máis charramangueira mellor— e, sen dúbida, moito funk e disco, que é o mellor para bailar».

 

 

  noticias